miércoles, marzo 07, 2007

* C l i c k *


Parou un intre, só un intre.

El sabía ben que as probabilidades de fixarse en algo fóra do seu traballo eran escasas. As medicións non admitían cambios, e os cambios non admitían medicións; polo que a súa vida era unha regra matemática.

Non puideron ser máis de cinco segundos.

A nai ferida, os irmáns fóra da casa, a familia nova de agora suplindo á vella de antes, xa tan vella. A morte saudando en todo ó seu redor e el lembrando o nacemento da vida, a nenez infeliz que inventou na súa madurez cun sorriso. Os vínculos perdéranse e agora tentaba lembrar eses primeiros anos de vida, difusos, borrosos.

Detívose pouco, xa dixen, uns cinco segundos, pero na súa mente sentou e parou a pensar máis de 37 anos.

A eses 37 anos sumou 10 do seu fillo. Reparou no parque que tiña diante de si, e as imaxes comezaron a superpoñerse sobre a paisaxe, sobre o tobogán polo que nunca deixara baixar ó seu pequeno. Breogán sacudindo as pingas de auga daquelas árbores de pólas caídas. Breogán deténdose a observar o que o rodea (de onde saería este neno?).

-Papá, están tristes as pólas?

-Breogán, fillo, que dis?

-Teñen que estar tristes, papá. Mira como caen.

-Tes cada cousa...

Tiña el cada cousa... Non temos tempo, papá sempre está moi ocupado.

-Papá, se as árbores están tristes, podemos levalas a casa para alegralas?

-Alexandre, filliño, as árbores non sinten.

As árbores non sinten. As árbores fan sentir.

-Pero papá... é unha árbore de Nadal, non podemos levala a casa?

-Non (agora el está lembrando o moito que pode facer sentir tan pouco).

-Pois agora son eu o que non vai a casa! Vou subir ó tobogán!

-Vouche castigar sen agasallos de Nadal como non deixes de facer o parvo!

El non tivo culpa. Nin Breogán nin o seu pai. Cada un froito xeracional da apatía do pouco agarimo, da aprobación desganada do debuxo da clase de preescolar.

De novo, de súpeto, as imaxes deixaron de aparecer.

Apoiou o seu corpo na barreira, observando con medo o símbolo do que doe e está latente.

Sacou a súa cámara e nese momento tentou coller por sorpresa ó sufrimento silenciado que agochan as persoas cando queren sandar do pasado.

2 Comments:

At 11:29 a. m., Blogger Vera said...

¿porque no to un cambio de estilo? me gusta el escrito pero no parece ser como los que te he visto hasta ahora.... hmmm

 
At 11:29 a. m., Blogger Vera said...

¿porque noto un cambio de estilo? me gusta el escrito pero no parece ser como los que te he visto hasta ahora.... hmmm

 

Publicar un comentario

<< Home