domingo, agosto 13, 2006

Espello de (a)sombra(r) *galego*

De novo a sombra no espello.
A nova figura partida en dous: formando multitude de pessoas nunha ilusión de monecas rusas, trocando o reflexo unidimensional en caricias polimórficas.

O espello musitaba os versos apre(he)ndidos, liberando o feitizo premonitorio:

_Negra sombra

que me asombras_


A sombra sorría no fondo do seu asombro (ela tamén se prendera dela).
Esta historia é a historia das cadeas: El formando a sombra sobre Ela (a Sombra) <> A Sombra reflectíndose no Espello (Ela-2) <> El nom era todo o que ela quería, el nom era todo, el nom era...
Ela quería uma voz que a envelenase de paixón.

E a suave cadencia rachou a urna de cristal.
Beleza, intelixencia, creatividade, equilibrio.
O xusto nas súas cadeiras, no seu pube, no seu pescozo barbilampiño.
Desexaba alguén forte.
Atopou forza nas súas verbas.
Agardou ó príncipe azul.
Era princesa (rosa?).
A Sombra nom coñecía a luz porque a Figura de El tapaba toda posibilidade de visión, e se por un descoido ela ousase soñar, el estampaba as súas visións contra a parede. A Sombra proxectada na parede: incansabelmente negra, sombra negra que non precisa capas para maquillar as feridas dunha mao que debuxa sombras chinesas sobre a súa face, Ela era a súa propria capa, e máscara, e sombra, e mágoa. É mágoa.
Atópome con paciencia para remontar esta historia de cadeas, de encadeados e encadeamentos na que Ela ansiaba liberdade. Quería ser Muller e nom Costela da Figura. Nom sombra. E das sombras saíu un espello.
A sombra no espello.
Asombrouna a súa beleza. A dela. A súa. (El nom estaba a mirar a súa Sombra). E nom viu as súas cadeas. Que cadeas? Quen estaba encadeado? A quen? Cadeas, cadeiras. Sentáronse a falar núas de metáforas e acabaron tiradas no chan núas de roupa. Se sacamos a roupa, onde quedou a feminidade? Fóra tacóns, minisaias, maquillaxe, fóra todo o que non quedou estipulado por min que me facía muller. Núa, entón, tedes o que é muller.
A Sombra viuse negra, viuse as formas, e fixouse en como as perdía nunha simbiose simétrica co Espello. Achegou a súa man á outra man que respondía co mesmo aceno. O mesmo sentiron.

Queredes situar a historia?
A Sombra dixo Roma.
O Espello dixo Amor.
É que nom hai lugares predilectos para o amor máis que un corpo cun corpo dentro de si.
A Sombra sinalou o seu corazón bombeando bágoas.
O Espello sinalou a parte dereita do seu peito, baleira de emocións.

Queredes xénero?
A Sombra mirou o seu sexo e fixouse na correspondencia co artigo.
O Espello mirou o seu sexo e fixouse na correspondencia co artigo.
A mesma correspondencia e a mesma correspondencia (feminino).
O mesmo sexo e o mesmo sexo (masculino).
A mesma correspondencia e o mesmo sexo (feminino e masculino).
Importa? Importa cando podemos conxugar con xogos? Cando a túa lingua escrita é tan moldeábel como a miña afacéndose ó teu corpo, ás túas palabras?

Queredes cantidades?
Estades seguros das estaturas, medicións, compartimentos fechados? Diante do Espello nom vexo a miña cadea imaxinaria. Tan só vexo o meu holograma de igualdade, a miña figura dereita buscando nos meus ollos os dereitos de vida dos que nunca gozou. Sae do teu espello! Colle a miña realidade! Sei que nom podemos evitar a sombra que reflicte o mesmo sol que nos aloumiña, e cando nom podo mirar os teus ollos ardendo por El, contemplo a túa sombra agarimando a miña. A miña sombra é igual ó meu corpo, anque nom teñen os mesmos dereitos. Teñen un sentimento para un corpo. En cambio, a cambio, ti bifurcas o sentimento nun corpo e nunha sombra.
De novo formamos unha cadea, e se teño que ser escrava, quero vivir na túa liberdade. Bícame anque sexa difícil beijar a unha sombra. Palpa os meus músculos, cada óso maltratado, aínda que penses que o Espello é unha superficie plana; porque sabes que somos unha idea factíbel anque a realidade sexa un soño escu(l)pido.

-Nom me chames poeta por ter escrito máis dun trillón de versos por ti.
-Por escreber, nom son escritora.
-Tampouco digas que escrebo ben ou mal, porque o que sinto por ti nom está nin ben nin mal. Simplemente está. E ás veces, ti nom estás.

Agora estás, de novo estás lendo isto, e cambias o lenzo negro da túa sombra por letras negras sobre lenzo branco. Eu agóchome entre as vogais abertas –ás túas proposicións- do “quérote”, e ti andas a procurarme levando en brazos a palabra que naceu da nosa unión ficticia, “imposíbel”.
Agora estás camiñando neste lenzo branco que estou sementando con letras –sigo agochada no “quérote”-. No teu camiño faiche sombra unha palabra que se reflicte no espello dos teus ollos. Lesme: “quérote”. Estou queda mentres ti estás inqueda. “Imposíbel” só é capaz de formar verbas a partir do seu esqueleto:
-“Impío” (este sentimento que nom debes sentir).
-“Limpo” (este sentimento que(,) sen embargo(,) é tan puro).
-“Lesbo” (este sentimento de... muller!?).
-“Iso-“ (este sentimento tan igual fronte ó espello).
Sempre estamos encadeados a algo, anque sexa á vosa liberdade. Libremente, decidimos unirnos. Libremente, decidimos separarnos. Cada unha de nós quedou cun fragmento da cadea, das dúas partes deste divorcio dun matrimonio no que só eu estaba inscrita.

-É que Narciso nom puido casar coas augas nas que se viu reflectido.-
-Pero é que eu estou namorada de Eco.-
-Nom podes casar cunha nom-humana.-
-Nom podo aturar os matrimonios humanos.-
-Nom o entendes? Imposíbel! É coma se quixeras namorarte da túa Sombra!
-Paradoxalmente, o amor nom é algo que se queira: ten todas as chaves e rompe todas as cadeas.-
-Lévalle demasiado tempo atopar a chave correcta para desencadear algunhas portas.-
-O amor é insistente.-
-A morte tamén.-

A morte atopou as chaves.
Agora, ti quedaches queda ante a sombra dunha palabra que se diluíu coa luz do sol. Xa sabes que os espellos actúan dunha forma peculiar ante a luz do sol. Quedaches ti soa mirando ó sol: cunha exposición continuada a un chorro de luz, as lentes do teu mirar abrasaron as letras negras sobre o lenzo branco, e seica choraches cinza...
Ti quedaches.
O Espello (ti).
A Sombra (a túa).
De novo a Sombra no Espello.
De novo lembrei que a sombra nom se pode mirar no espello se nom ten corpo que lle permita aparecer. Tiña que ser a vella figura, partida en dous: formando multitude de pessoas nunha ilusión de monecas rusas, trocando o reflexo unidimensional en caricias polimórficas.

ollepse od airotsih A ...|||... A historia do espello